• Encontro Galicia- Norte de Portugal “Liderado e estratexia: as chaves para o cambio na internacionalización da empresa”, está promovido por AJE Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, co apoio do socios do proxecto Emprende: IPJ, CEG, FGE, FNAJ.
  • O encontro entre mozos emprendedores e empresarios do Norte de Portugal e de Galicia celebrarase na Eurociudade de Chaves-Verín, os días 30 e 31 de marzo, co obxectivo de fomentar a internacionalización e a cooperación entre as empresas de ambas zonas.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2012. Federación Galega de Xoves Empresarios- AJE Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia promoven a realización do Encontro Galicia- Norte de Portugal “Liderado e estratexia: as chaves para o cambio na internacionalización da empresa”, dirixido a mozos/as con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

O encontro entre mozos emprendedores e empresarios do Norte de Portugal e de Galicia celebrarase na Eurociudade de Chaves-Verín, os días 30 e 31 de marzo, e enmárcase dentro do proxecto Emprende, aprobado ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013 (POCTEP), que trata de apoiar a internacionalización e cooperación entre as empresas de ambas zonas.

O Encontro Galicia-Norte de Portugal, que contará coa participación de 150 mozos galegos e portugueses, celebrarase en dúas xornadas. O venres terá lugar a inauguración a cargo de Ovidio Rodeiro Tato, director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, e Daniel Ramos Lobón, presidente da Federación Galega de Xoves Empresarios-AJE Galicia. Para finalizar intervirán representantes da Eurociudade de Chaves que presentarán a cidade como zona empresarial de referencia. Pechará a xornada Pilar Del Oro Saéz que exporá os proxectos de cooperación transfronteiriza e rexional Emprende, Eurocidade e Imagina Atlántica.

O sábado, o programa inclúe a intervención de Alexandra Lemos, coachee internacional que mediante o relatorio “A mentalidade do océano azul para un liderado auténtico” mostrará a diferenza como chave da competitividade da empresa no mercado internacional. Sergio Ríos impartirá o obradoiro “A Arte da Guerra, a arte da boa estratexia” no que aplicará as estratexias contidas no libro do estratego chino Sun Tzu, A arte da guerra, á competitividade empresarial. Ambas intervencións terán lugar nun ambiente distendido e participativo cos asistentes. O Encontro rematará na tarde do sábado cunha visita empresarial á cidade de Chaves, co obxectivo de favorecer o networking entre os asistentes.

Daniel Ramos Lobón, presidente de AJE Galicia, afirma que “a organización deste encontro non só pretende fomentar a cooperación entre empresas das dúas rexións, explorando o potencial da Eurocidade Chaves-Verín, senón que con esta acción AJE Galicia tamén pretende difundir o emprendemento entre os mozos galegos e concienciar sobre a necesidade de situar as Peme galegas nos mercados internacionais”.