O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde con representantes da Federación Galega de Xoves Empresarios o primeiro encontro dentro da rolda de contactos cos diferentes axentes económicos e sociais para consensuar a nova Lei de Emprendemento de Galicia.

No encontro o conselleiro escoitou as opinións e propostas dos representantes de FEGAXE, encabezados polo seu presidente, José Manuel Valenzuela, destacando o talento da mocidade galega e o importante papel que xoga na posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Conde, que salientou a importante actividade emprendedora desta asociación, asegurou que a nova norma ofrecerá aos emprendedores “un marco integral de apoio, converténdoos en axentes fundamentais na creación de de emprego”.

A celebrada hoxe é a primeira dunha serie de reunións cos diferentes colectivos implicados, aos que xa se ten remitido o anteproxecto de lei para facelos partícipes na redacción dunha norma fundamental para que a Comunidade retome o crecemento.

Así, a Lei de Emprendemento de Galicia pretende acadar un incremento do 60% na Taxa de Emprendemento nos próximos catro anos, alcanzando a cifra de 130.000 emprendedores. Para iso, prevese a creación da Unidade Galicia Emprende, que facilitará en menos de 30 días o informe de viabilidade dos proxectos xa maduros que se presenten. Ademais, simplifícanse os trámites administrativos para a constitución dunha empresa, coa fin de poder desenvolvelos en menos de 48 horas.

Entre as diferentes medidas que recolle a lei, inclúese a mobilización de 15 millóns de euros a través dun novo fondo de capital risco e dunha liña de microcréditos para proxectos emprendedores, e incorpóranse unha serie de incentivos que melloran os recollidos para a actividade emprendedora na Lei de Orzamentos de 2013.

Configúrase así un instrumento fundamental para dotar a Galicia dun marco integral de apoio ás novas iniciativas empresariais, e que atende a todas as fases do negocio, desde o comezo ata a súa consolidación. Neste sentido, formarase aos emprendedores na elaboración dos seus plans de negocio, acompañándoos no seu proceso de maduración, e prestándolles apoio nas súas posibilidades de expansión e promoción internacional.

Ante a importancia desta norma, a Xunta de Galicia aspira acadar o máximo consenso posible, tanto na negociación cos axentes sociais e económicos para a configuración dun texto máis completo e útil posible, como na súa posterior tramitación parlamentaria.