O Programa Foro Aberto da TVG abordou un tema moi de actualidade no que Aje Galicia ten moito que dicir, o emprendemento en tempos de crise. O noso presidente Daniel Ramos Lobón participou neste encontro xunto con Ignacio Armesto Quiroga, director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, e o enxeñeiro Víctor Manuel Alonso Rorís, administrador único de “Berce S.L”.

Ramos, presidente de Aje Galicia, destacou que emprender “é unha forma de vida” e reivindicou a necesidade de que a sociedade poña en valor a figura do empresario, máis cando o 95 por cento das empresas galegas son pymes con menos de 10 empregados.

Para lograr este obxectivo, tamén é imprescindible “favorecer un ecosistema emprendedor” por parte da Adminitración e dos propios empresarios. “Para iso cómpren profesionais, tempo e cartos, hai que facer esforzos desde a educación ata a financiación”, destacou Ramos Lobón durante o debate. Neste senso reclamou un compromiso político para “poñer os recursos necesarios” co gallo de  facilitar o emprendemento e a activación da Ley do Emprendedor, promesa do goberno para este 2013.

Outro dos puntos necesarios para facilitar o labor dos emprendedores é alixeirar as trabas burocráticas. “Os requisitos deben ser mínimos. España ocupa o posto 145 como país que más trabas pon dun total de 180″, asegurou Ramos. Tamén manifestou o seu desacordo coa nova tasa de 50 euros para xóvenes autónomos  menores de 30 pois “a idade medida do emprendedor está en 38 anos”.

O emprendedor por necesidade, empurrado polo desemprego e o complicado panorama económico é unha figura cada vez máis habitual. Neste senso o presidente de Fegaxe sinalou que o ideal é “emprender porque haxa un mercado que demanda o teu producto”. Recomenda ao emprendedor unha “base de formación e de coñecemento do mercado” antes de iniciar o seu negocio. Tamén é “básica a innovación” que pode aplicarse a calquera iniciativa. “Todo o mundo pode innovar, ata unha panadería”, destacou.

En canto o apoio aos emprendedores Aje Galicia a través das súas cinco Ajes leva a cabo unha intensa tarefa de asesoramento, busca a consolidación das empresas e fomenta o networking, ademáis de “axudar a buscar financiación alternativa en tempos tan complicados” tal como fixo coa liña de crédito Enisa que beneficiou a 38 empresas asociadas con 2.300.000 euros desde o 2010.

Podes ver o programa completo de Foro Aberto aquí